Información
- TítuloPrograma de incentivos á contratación e formación na empresa ordinaria das persoas mozas desempregadas menores de 30 anos (TR349T)
- Fecha01-07-2018
- CategoríaLaboral

Descripción
Obxecto
Facilitar a inserción laboral das persoas mozas menores de 30 anos desempregadas que presentan desvantaxes e dificultades particulares para permanecer no mercado de traballo, e favorecer o emprego estable e facilitar a empregabilidade e ocupabilidade.
Por medio desta convocatoria as empresas terán a posibilidade de obter axudas para a contratación e formación por conta allea (procedemento TR349T).
Personas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten traballadoras ou traballadores por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.
Ámbito temporal de aplicación e contratacións subvencionables
Serán subvencionables ao abeiro deste programa as contratacións cunha duración inicial mínima de doce meses realizadas con persoas mozas menores de 30 anos desempregadas.
Estas contratacións deben formalizarse desde o 16 de decembro e ata o 30 de setembro de 2018.
As empresas que así o soliciten poderán ser beneficiarias dun bono para a formación das persoas contratadas por medio do programa de bono de contratación.
Contías
Bono contratación
As contratacións realizadas ao abeiro desta orde de convocatoria incentivaranse cunha axuda 5.000 euros por cada persoa desempregada contratada .
Estas contías incrementaranse nun 25% nos seguintes casos, que son acumulables entre si:
- Se a persoa incorporada é unha muller.
- No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural.
- Se a persoa incorporada é un emigrante retornado.
Bono formación
A formación incentivarase cunha axuda de 2.000 euros por cada persoa contratada que a reciba na súa integridade e que cumpra os requisitos establecidos nesta orde.
Procedemento de concesión
O procedemento de concesión das solicitudes presentadas ao abeiro desta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.
Prazo de solicitudes
O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación e rematará o 30 de setembro de 2018.
As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas entre o 16 de decembro de 2017 e a data da publicación desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación da orde.
As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas a partir da entrada en vigor desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses desde a data de inicio da relación laboral, respectando o prazo xeral do 30 de setembro de 2018.
Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.