Información
- TítuloPrograma de incentivos á contratación por conta allea das persoas desempregadas paradas de longa duración
- Fecha12-04-2017
- CategoríaLaboral

Descripción
Programa de incentivos á contratación por conta allea das persoas desempregadas paradas de longa duración
O colectivo das persoas desempregadas paradas de longa duración é o colectivo que está a sufrir, en maior medida, o incremento das dificultades de reincorporarse ao mercado de traballo. Así, resultan particularmente necesarias as medidas para o emprego que contribúan a reducir o tempo que as persoas traballadoras pasan en situación de desemprego e faciliten o seu retorno ao mundo laboral.
A incidencia do desemprego de longa duración supón un reto que debe abordarse tendo en conta todas aquelas persoas que buscan activamente unha oportunidade no mercado de traballo, o desafío é agora a reincorporación dun elevado número de persoas desempregadas ao mercado de traballo para que participen da reactivación económica.
En atención a este obxectivo, unha das iniciativas con carácter prioritario é o deseño dun programa de incentivos á contratación por conta allea destinado a dotar de novas oportunidades o citado colectivo de persoas traballadoras desempregadas paradas de longa duración, dadas as súas maiores dificultades de colocación.
Xunto con estas medidas, e dada a necesaria complementariedade entre as actuacións da Administración autonómica e as de ámbito estatal de cara ao logro da inserción dos colectivos desfavorecidos no mundo laboral, as axudas para o fomento do emprego dos parados de longa duración establecidos pola Xunta de Galicia son compatibles cos programas estatais de fomento do emprego aplicables a todo o Estado.
De acordo co disposto no Decreto 166/2015, do 13 de novembro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, correspóndelle a esta o exercicio das competencias e funcións relativas á xestión das políticas activas de emprego.