Información
- TítuloPROGRANA DE AXUDAS ÁS ACELERADORAS PRIVADAS DE APOIO AO EMPRENDEMENTO INNOVADOR
- Fecha20-10-2016
- Categoría

Descripción
O pasado 10 de outubro publicouse no Diario Oficial de Galicia a resolución da Axencia Galega de Innovación do 23 de setembro, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, do Programa de axudas ás aceleradoras privadas de apoio ao emprendemento innovador.
Esta convocatoria ofrece, por primeira vez en Galicia, axudas ás entidades privadas que, na nosa comunidade, están a desenvolver actividades de aceleración de proxectos empresariais innovadores, así como aos proxectos máis destacados en cada unha delas.
Para ser beneficarias das axudas, as empresas solicitantes deberán ter domicilio social ou centro de traballo en Galicia, realizar actividades de aceleración de proxectos de innovación e contar cunha experiencia contrastada nas devanditas actividades. O seu programa de aceleración deberá estar especializado nun sector ou temática concreta que estea aliñada cos retos e prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia), e que non corresponda co ámbito de actuación das aceleradoras nas que xa colabora a Axencia Galega de Innovación (GAIN).
As axudas terán unha contía máxima de 125.000 euros por aceleradora que se distribuirá, de acordo co programa de aceleración presentado, entre gastos de funcionamento da aceleradora (ata 50.000 euros) e apoio financeiro directo para os gastos de desenvolvemento dos proxectos empresariais innovadores previamente validados por GAIN (ata 75.000 euros). Ademais, tres proxectos de cada aceleradora terán un financiamento adicional de 50.000 euros a través dos fondos de capital risco vinculados á innovación xestionados por XesGalicia.
Unha iniciativa de 1,1 millón de euros que vén a completar o Mapa de Apoios á Innovación no que refire ao programa emprendemento innovador, e permitirá dotar a Galicia dunha completa Rede de Aceleradoras da Innovación especializadas naquelas temáticas e sectores clave para o crecemento económico da nosa comunidade.
Para participar nesta convocatoria, cuxo prazo remata o vindeiro 10 de novembro, está habilitado o procedemento IN856A na Sede Electrónica da Xunta de Galicia. Na nosa páxina web podes atopar toda a información necesaria. Consúltanos calquera dúbida no correo electrónico servizos.gain@xunta.gal e nos teléfonos 981 957 393 e 881 999 160.